---
title: "12 de maio: Día da Enfermaría, no ano internacional dedicado pola OMS á profesión"
lang: "gl"
type: "noticia"
updated: "2021-03-26"
url: "https://www.fraternidad.com/gl-ES/noticias/12-de-maio-dia-da-enfermaria-no-ano-internacional-dedicado-pola-oms-profesion"
translations:
  es: "https://www.fraternidad.com/es-ES/noticias/12-de-mayo-dia-de-la-enfermeria-en-el-ano-internacional-dedicado-por-la-oms-la-profesion"
  ca: "https://www.fraternidad.com/ca-ES/noticias/12-de-maig-dia-de-la-infermeria-lany-internacional-dedicat-loms-la-professio"
  eu: "https://www.fraternidad.com/eu-ES/noticias/maiatzaren-12a-erizaintzaren-eguna-omek-lanbide-horri-eskainitako-nazioarteko-urtean"
  gl: "https://www.fraternidad.com/gl-ES/noticias/12-de-maio-dia-da-enfermaria-no-ano-internacional-dedicado-pola-oms-profesion"
  en: "https://www.fraternidad.com/en/may-12-nursing-day-in-the-international-year-dedicated-by-who-to-the-profession"
---

 ![Imagen Noticias](/sites/default/files/styles/style_1920x400/public/default_images/AdobeStock_71587395.jpg?itok=mOsqCscy)

 

# 12 de maio: Día da Enfermaría, no ano internacional dedicado pola OMS á profesión



12/05/2020

Recensión de xornada

Porque o seu traballo é fundamental na sociedade, porque os seus coidados protexen a saúde pública, porque poñen especial empeño en coidar aos que máis o necesitan, porque hai miles de comunidades no mundo onde son a única referencia sanitaria en decenas de quilómetros á redonda... Dende o 1 de xaneiro estamos a vivir o Ano Internacional do Persoal de Enfermaría e Parteiría, e este 12 de maio, como cada ano, é o seu día, un día sinalado no calendario e elixido por ser o que naceu Florence Nightingale, a enfermeira considerada creadora do modelo de enfermaría moderna.

A 72ª Asemblea Mundial da Organización Mundial da Saúde realizada en maio do pasado ano acordou por unanimidade declarar 2020 como o Ano Internacional da Enfermeira e a Matrona. Poñía así de relevo o recoñecemento público que merece o sector pola súa importante achega á saúde da sociedade, a través do seu traballo no ámbito asistencial, a investigación e a educación para a saúde e a docencia.

O propio director xeral da OMS, Tedros Adhanom Ghebreyesus, defendía a proclamación deste ano mundial poñendo en valor que sen o traballo destes profesionais “non lograremos os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible nin a cobertura sanitaria universal”.

Na súa declaración institucional, a OMS resumía que enfermeiras e matronas desempeñan “unha función crucial na prestación de servizos de saúde, xa que consagran as súas vidas a coidar as nais e os nenos, administrar vacinas que salvan vidas, proporcionar consellos de saúde, coidar das persoas maiores e, en xeral, satisfacer as necesidades sanitarias esenciais do día a día. Ademais, adoitan ser o primeiro e o único lugar de atención dispoñible en centos de comunidades. Co fin de lograr a cobertura sanitaria universal, o mundo necesita que o persoal de enfermaría e parteiría aumente en 9 millóns”.

Daquela estabamos moi lonxe de imaxinar sequera que estes profesionais, e todos nós, viviriamos unha situación extrema por unha pandemia inimaxinable en, practicamente, todo o mundo, que tivo ao persoal sanitario como gran protagonista. Enfermeiras e enfermeiros viviron, e viven aínda, esta situación en primeira liña, en moitos casos, con máis dificultades que as propias de enfrontarse a unha enfermidade descoñecida.

Fraternidad-Muprespa conta no seu equipo con 253 enfermeiros e enfermeiras, cuxo labor foi sempre o coidado e a recuperación da saúde dos traballadores protexidos. Hai poucas semanas esta finalidade cambiou por motivos de sobra coñecidos. A Mutua puxo á disposición da sanidade pública o seu hospital en Madrid. Nel ingresaron entre o 22 de marzo e o 7 de abril 21 pacientes con COVID-19 cunha idade media algo superior aos 84 anos.

“Da noite á mañá convertémonos en Hospital COVID, cambiamos circuítos, impresos, xa non había servizos, persoal de quirófano, de urxencias, de hospitalización, de consultas... eramos un equipo disposto a superalo do mellor xeito posible”, afirma Caridad Amador, directora de enfermaría do Hospital Fraternidad-Muprespa Habana, que asegura que, ante experiencias tan complexas, contaron co “apoio de toda a organización”.

“Non se trataba só de superar esas quendas extenuantes de sete horas cun [EPI](/gl-ES/epi) posto, senón tamén de procurar unha correcta evolución dos pacientes e darlles un trato excelente, entregarlles fotos das súas familias, facer unha videochamada ou felicitalos cando saían de alta. Tamén cando acompañabamos un paciente nos seus últimos días e faciámoslle estar tranquilo”, engade Amador, que destaca que “a implicación e profesionalidade de todos foi excepcional e vai marcar un antes e un despois nun hospital, que xusto cumpriu un ano aberto en pleno período COVID”.

Agora, tras a conversión en Hospital COVID, “que foi unha pinga no océano malia o importantes que fomos para eses pacientes e familiares”, o centro volve paulatinamente á súa actividade habitual, a dun hospital que atende pacientes con patoloxía laboral.

A enfermaría é o grupo ocupacional máis numeroso do sector da saúde, xa que representa aproximadamente o 59% dos profesionais sanitarios. Forma parte de todos os procesos de saúde e enfermidade: educación sanitaria, prevención e promoción da saúde, coidar os pacientes a pé de cama e paliar cando non se pode curar. “Somos un colectivo moi demandado no resto de países europeos pola calidade da nosa formación, pero aínda queda moito por facer. Espero que a situación que vivimos axude a mellorar algunhas cousas, por exemplo, a mellora das condicións das enfermeiras en residencias, xa que se demostrou que somos un colectivo esencial”, resume a directora de enfermaría que ademais incide na importancia de “fomentar o liderado do sector e que a enfermaría forme parte das organizacións políticas e sanitarias dos países. Así estaremos tamén máis preto de conseguir reivindicacións históricas, como a especialización de enfermeiros e enfermeiras. Se a un médico xa non se lle esixe saber de todo, por que a unha enfermeira si?”

A volta á normalidade supón recuperar as cirurxías, as probas diagnósticas, as urxencias... sen esquecer a experiencia vivida, pero cos pés no chan. “Non somos heroes. Simplemente somos profesionais que queremos realizar o noso traballo do mellor xeito posible”.