Fraternidad-Muprespa ofrece información de servicio a sus empresas mutualistas

Protección persoal e xestións administrativas para empresas en relación ao COVID-19

General

Ante a gran cantidade de información derivada da crise sanitaria orixinada polo COVID-19, resumimos nesta noticia os aspectos máis importantes, tanto sobre protección persoal como en relación aos trámites e xestións relativos ás posibles baixas.

Que é o coronavirus CoVID-19?

Os coronavirus (CoV) son unha ampla familia de virus que poden causar diversas afeccións, dende o arrefriado común ata enfermidades máis graves, como acontece co coronavirus causante da síndrome respiratoria de Oriente Medio (MERS-CoV) e o que ocasiona a síndrome respiratoria aguda severa (SRAS-CoV). Un novo coronavirus é unha nova cepa de coronavirus que non se encontrara antes no ser humano.

Cales son os síntomas desta enfermidade?

Esas infeccións adoitan cursar con:

  • Febre elevada.
  • Tose seca (non produtiva).
  • Síntomas respiratorios de dispnea ou dificultade para respirar.
  • En ocasións, tamén poden cursar con diarrea.

Se a enfermidade se complica, pode causar pneumonía, síndrome respiratoria aguda severa, insuficiencia renal e, mesmo, a morte.

Que debo facer se presento estes síntomas?

Se ten dúbidas ou se quere información máis detallada, poderá contactar co número de teléfono que cada comunidade autónoma habilitou para o efecto. Consulte a listaxe.

Recentemente a Comunidade de Madrid puxo á disposición de calquera cidadán unha web a través da cal poder facerse un test de autoavaliación da enfermidade. 

Cales son as medidas preventivas contra esta enfermidade?

Non existe unha fórmula máxica que ofreza resultados absolutos, pero é recomendable seguir os seguintes consellos para reducir o risco de contraer a enfermidade:

  • Lavar as mans con frecuencia usando auga e xabón ou solución hidroalcohólica durante 20-30 segundos, sempre que sexa evidente a sucidade nas mans, ou usando solucións hidroalcohólicas cando non se dispoña de auga e xabón, ou cando a sucidade nas mans non sexa tan evidente.
  • Evitar o contacto cos ollos, o nariz e a boca.
  • Evitar o contacto con persoas que puidesen estar expostas ao virus ou presenten algún dos seus síntomas na actualidade. En todo caso, intentar manter unha distancia de seguridade de 1,5 metros co resto de persoas.

En que consiste a nova baixa por coronavirus?

Esta enfermidade está a ser tan excepcional que dende o propio goberno se creou unha nova prestación para dar cobertura tanto aos traballadores que sexan infectados por coronavirus como para aqueles que deban someterse obrigatoriamente a un período de illamento por posible contacto ou exposición ao virus.

Esta nova prestación regulouse no art. 5 do RDL 6/2020, do 10 de marzo, polo que se adoptan determinadas medidas urxentes no ámbito económico e para a protección da saúde pública.

Singularidades desta prestación:

  • Natureza: enfermidade común.
  • Período de carencia: non é esixible.
  • Asistencia sanitaria: corresponde ao Servizo Público de Saúde.
  • Xestión administrativa:
    • Corresponde aos médicos do servizo público de saúde a atención sanitaria e a emisión dos partes médicos de baixa, confirmación e alta. Tanto nos supostos de contaxio coma nos supostos de corentena ou illamento.
    •  A baixa médica poderá ser expedida sen necesidade da presenza física do enfermo e con efecto retroactivo.
    • Os códigos que hai que utilizar para este procedemento especial son os indicados polo Ministerio de Sanidade:  
      • En CIE-10 ES: B34.2 (para os casos de contaxio/infección) e Z20.828 (para os casos de illamento por contacto ou exposición).
      • En CIE-9.MC: 079.82 (para os casos de contaxio/infección) e V01.79 (para os casos de illamento por contacto ou exposición).        
    • En ningún caso os médicos das Mutuas emitirán ningún parte para este tipo de enfermidades.

Aclaracións administrativas adicionais:

  1. Non require que se tramite nada por Delt@.
  2. Non computa na sinistralidade da empresa, aínda que si no absentismo.
  • Contía: a contía da prestación será equivalente a unha prestación de incapacidade temporal derivada de accidente laboral. Polo tanto, percibirase o 75% dende o día seguinte á baixa médica.
  • Pagamento: a prestación aboarase coma se dunha prestación de incapacidade temporal normal se tratase. Na maioría das ocasións será por pagamento delegado a través da empresa, agás os colectivos e excepcións previstas na norma que se aboen en pagamento directo pola Mutua.

Como tramitar a baixa por coronavirus?

En caso de ser diagnosticado de coronavirus ou estar en contacto ou exposto cunha fonte do virus, os pasos serán os seguintes:

  1. Chamar por teléfono o seu centro de saúde para pedir cita co seu médico de atención primaria.

En lugar de concertar a cita co médico de atención primaria, solicitaranlle un número de teléfono para que sexa o médico quen contacte con vostede. 

  1. Deberá estar atento ao teléfono porque en calquera momento pode recibir a chamada do seu médico de atención primaria.

Se o médico o chama e non o localiza é posible que ao día seguinte teña que repetir o paso primeiro.

  1. Cando reciba a chamada do seu médico de atención primaria, faralle unha serie de preguntas e, en función das súas respostas, determinará se precisa de baixa médica por coronavirus, ben por estar infectado ou por estar en illamento por posible contacto ou exposición, e a data que terá a devandita baixa médica. Do mesmo xeito, emitirá ou concertará as confirmacións que correspondan e a próxima data de control (presencial ou telefónico). Os documentos xerados estarán dispoñibles para que sexan recollidos na parte administrativa do centro de saúde.
  2. Unha persoa autorizada (nunca o enfermo) deberá acudir ao centro de saúde a recoller os partes.
  3. Deberá facer chegar o exemplar de cada un dos partes que se lle emitan á súa empresa (ben por fotografía, correo electrónico etc.).
  4. A empresa deberá remitir a información dos partes recibidos a través do Sistema RED, informando como continxencia a que conste no parte recibido polo traballador (é dicir, por enfermidade común).
  5. Os partes emitidos polo médico de atención primaria enviaranse ese mesmo día ao INSS quen, tras comprobar os diagnósticos, converterá a continxencia do parte a accidente de traballo de cara a que na liquidación de seguros sociais a prestación asociada sexa a dunha IT derivada de AT.
  6. As empresas deberán confeccionar as súas nóminas coma se o traballador estivese de baixa por IT derivada de Accidente de Traballo (AT).

Como pode identificar a empresa estas baixas? Realmente non é sinxelo, posto que a empresa non ten acceso aos diagnósticos, as únicas formas de sabelo son:

  1. Que o traballador facilite a información do diagnóstico voluntariamente.
  2. A través dos ficheiros FIE, pois estas baixas aparecerán como código 3 (accidente de traballo), aínda cando a baixa médica en papel que presentara o traballador poña enfermidade común.
  3. A través do Informe de Datos para a Cotización (IDC), xa que neste informe aparecerá como primeiro día do tramo para deducir o seguinte á data da baixa e no tipo de peculiaridade: 23 IT.AT. Pagamento delegado.

Outras ligazóns de interese

Normativa recente relacionada co coronavirus:

  • Real decreto lei 6/2020, do 10 de marzo, polo que se adoptan determinadas medidas urxentes no ámbito económico e para a protección da saúde pública.
  • Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.