Prestación por risco durante o embarazo e lactación natural

Que é?

Durante o embarazo e a lactación natural, terá a natureza de prestación derivada de continxencias profesionais.

É a prestación económica que trata de cubrir a perda de ingresos que se produce cando a traballadora é declarada en situación de suspensión do contrato de traballo por risco durante o embarazo, nos supostos en que, debendo cambiar de posto de traballo ou de actividade por outro compatible co seu estado, o devandito cambio non resulte técnica ou obxectivamente posible ou non poida esixirse razoablemente por motivos xustificados.

Esta prestación está incluída dentro da acción protectora de todos os réximes do Sistema da Seguridade Social e concederase nos termos e condicións previstas para a prestación económica de Incapacidade Temporal.

Como se tramita?

  • A traballadora debe comunicar á empresa a súa situación de embarazo. Antes solicitará ao Servizo Público de Saúde (xinecólogo ou médico de familia) un informe médico no que se manifeste a súa situación de embarazo e data probable do parto.
  • Unha vez comunicado o seu estado de embarazo á empresa, se o posto de traballo supuxese un risco para a nova situación da traballadora, deberanse adoptar as medidas preventivas necesarias ou, se procede, o cambio de posto de traballo.
  • Cando non resultase posible ou, malia tal adaptación, as condicións do posto puidesen seguir influíndo negativamente na saúde da traballadora, deberá solicitar á Mutua un certificado médico de risco.

Para evitar desprazamentos innecesarios á traballadora embarazada ata os nosos centros, antes de acudir á Mutua deberá concertar telefonicamente unha cita previa e, ademais, terá que presentar a seguinte documentación:.

  1. Formulario de solicitude da prestación por risco durante o embarazo.
  2. Fotocopia do DNI (por ambas as dúas caras).
  3. Impreso para os efectos do IRPF (modelo 145 da Axencia Tributaria).
  4. Informe médico do Servizo Público Saúde que acredite a situación de embarazo e a data probable de parto [1].
  5. Declaración empresarial da situación de risco.
  6. Avaliación do posto de traballo ("Disposición adicional segunda do RD 295/2009, do 6 de marzo, e art. 16.2 da Lei de prevención de riscos laborais")
  • O día e hora fixados na cita previa, a traballadora pasará consulta cun facultativo da Mutua, quen emitirá un certificado médico que recoñece ou desestima a situación de risco, sempre que se presentase a documentación anteriormente indicada.
  • Se o médico da Mutua considera que existe risco para o embarazo, a partir dese momento, a empresa poderá suspender o contrato de traballo e a traballadora solicitará a prestación por risco durante o embarazo achegando a seguinte documentación adicional: certificado de Empresa sobre Bases de Cotización.
  • Unha vez recibida a documentación e de se cumpriren os requisitos de acceso á prestación, a Mutua emitirá unha resolución na que se concede a prestación por risco durante o embarazo e procede ao seu pagamento mensual mentres non se produza ningunha das causas legais de extinción desta. Esta documentación pode ser presentada en calquera centro da mutua Fraternidad-Muprespa.

[1] Se o informe médico do SPS non se realiza no modelo oficial da Mutua, deberanse presentar adicionalmente todos os informes médicos e seguimentos xinecolóxicos que permitan acreditar que non existiu nin existe ningunha complicación inherente ao propio embarazo.

Contía e duración

Consiste nun subsidio equivalente ao 100% da base reguladora e a duración será, en caso de risco de embarazo, dende o día en que se inicie a suspensión do contrato de traballo e finaliza o día anterior ao da maternidade; na prestación de lactación natural: extinguirase no momento en que o fillo faga os nove meses ou a nai se reincorpore con anterioridade ao seu posto de traballo ou a outro compatible coa súa situación.

Formularios para trámites

¿Resultouche útil este contido?
(reset)
¡Grazas polo teu voto!

Puntos: 6