fraternidad.com
Urgencias: 900269269
Volver

TRADE e SETA

Traballador Autónomo Economicamente Dependente (TRADE)

Tamén a nova Lei, no Art°. 26, punto 3, define por primeira vez a figura do Traballador Autónomo Economicamente Dependente (TRADE) como “aqueles que realizan unha actividade económica ou profesional a título lucrativo e de forma habitual, persoal, directa e predominante para unha persoa física ou xurídica, denominada cliente, do que dependen economicamente por percibir del, polo menos o 75 por 100 dos seus ingresos por rendementos de traballo e de actividades económicas ou profesionais”. Non obstante, para consideralos como tales, deberán reunir simultaneamente cinco condicións.

    1) Non ter ao seu cargo traballadores por conta allea, nin contratar ou subcontratar con terceiros.

    2) Non executar a súa actividade de maneira indiferenciada cos traballadores que presten servizos baixo calquera modalidade de contratación por conta do cliente.

    3) Dispoñer de infraestrutura produtiva e material propios, necesarios para o exercicio da actividade e independentes dos do seu cliente.

    4) Desenvolver a súa actividade baixo criterios organizativos propios, sen prexuízo das indicacións de carácter xeral que poida recibir do seu cliente.

    5) Percibir unha contraprestación económica en función do resultado da súa actividade, de acordo co pactado co cliente.

Estas condicións específicas, ademais han de ir acompañadas dun contrato por escrito (ou dentro dun acordo de interese profesional) e rexistrado:

SISTEMA ESPECIAL PARA TRABALLADORES POR CONTA PROPIA AGRARIOS (SETA)

Pola Lei 18/2007 do 4 de xullo (1) establécese, dentro do Réxime Especial dos Traballadores por Conta Propia ou Autónomos, e con efectos dende o 1 de xaneiro de 2008, o Sistema Especial para Traballadores por Conta Propia Agrarios, no que quedarán incluídos os traballadores por conta propia agrarios, maiores de 18 anos, que reúnan os seguintes requisitos:

  • Ser titulares dunha explotación agraria e obter, polo menos, o 50 por 100 da súa renda total da realización de actividades agrarias ou outras complementarias, sempre que a parte de renda procedente directamente da actividade agraria realizada na súa explotación non sexa inferior ao 25 por 100 da súa renda total e o tempo de traballo dedicado a actividades agrarias ou complementarias das mesmas, sexa superior á metade do seu tempo de traballo total.
    • Considéranse actividades complementarias a participación e presenza do titular, como consecuencia de elección pública, en Institucións de carácter representativo, así como en órganos de representación de carácter sindical, cooperativo ou profesional, sempre que estes se atopen vinculados ao sector agrario; tamén terán a consideración de actividades complementarias as actividades de transformación e venda directa dos produtos da súa explotación e as relacionadas coa conservación do espazo natural e protección do ambiente, ao igual que as turísticas, cinexéticas e artesanais realizadas na súa explotación.
  • Que os rendementos anuais netos obtidos da explotación agraria por cada titular desta non superen a contía equivalente ao 75 por 100 do importe, en cómputo anual, da base máxima de cotización establecida en cada momento no Réxime Xeral da Seguridade Social.
  • A realización de labores agrarios de forma persoal e directa en tales explotacións agrarias, aínda cando ocupen traballadores por conta allea, sempre que non se trate de máis de dous traballadores fixos ou, de tratarse de traballadores con contrato de traballo de duración determinada, que o número total de xornais satisfeitos aos eventuais agrarios non supere os 546 nun ano, computado de data a data. As limitacións na contratación de traballadores por conta allea enténdense aplicables por cada explotación agraria.
  • No caso de que na explotación agraria existan dous ou máis titulares, en alta todos eles no Réxime Especial dos Traballadores por Conta Propia ou Autónomos, engadiráselle ao número de traballadores ou xornais previstos no parágrafo anterior un traballador fixo máis, ou 273 xornais ao ano, no caso de traballadores eventuais, por cada titular da explotación agraria, excluído o primeiro.

subir
Portal clásico
MCSS nº 275 - © Fraternidad-Muprespa 2016