fraternidad.com
Urgencias: 900269269
Volver

28 DE ABRIL DÍA MUNDIAL DA SEGURIDADE E SAÚDE NO TRABALLO

20/04/2009, Fraternidad-Muprespa, Dpto. Prevención AT y EP

28 DE ABRIL DÍA MUNDIAL DA SEGURIDADE E SAÚDE NO TRABALLO

DATOS DO EVENTO

Prevención, a chave da seguridade.

Dende 1996 os sindicatos veñen conmemorando a escala mundial as vítimas dos accidentes de traballo e enfermidades profesionais o día 28 de abril de cada ano.

A OIT, co seu carácter tripartito, aceptou a devandita iniciativa e converteuna nunha xornada anual a escala mundial, promovida para chamar a atención sobre os accidentes e enfermidades provocadas polo traballo, para a súa redución e eliminación no mundo.

A partir do ano 1999, e por proposta da Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo, por Orde do 30 de marzo de 1999, o Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais do noso país estableceu o Día da Seguridade e Saúde no Traballo o 28 de abril de cada ano.

Arredor desta data, as diversas organizacións convocantes a nivel nacional e internacional realizan declaracións, promoven diversos tipos de actos e propoñen e desenvolven actividades que leven á reflexión a todos os cidadáns e as institucións e organizacións máis relacionadas co problema.

Cada ano, as organizacións centran as súas chamadas de atención nun tema ou nun número reducido de temas de seguridade e saúde no traballo que consideran especialmente significativos no ámbito mundial.

A información e a máxima extensión da conmemoración deben cumprir un papel crucial en todas as actividades xa que a intención prioritaria é chegar ao máximo número de persoas e institucións, para fomentar a preocupación por este problema e para impulsar as medidas que conduzan á súa solución. A elección de lemas ten o propósito de sintetizar o obxectivo nunha mensaxe que permita a máxima eficacia comunicativa en relación ao resultado que se busca.

Fraternidad Muprespa, dentro das súas actividades relacionadas coa prevención de riscos laborais, vén uníndose ao sentido da devandita conmemoración dende hai varios anos e realizando actividades de promoción da saúde laboral de carácter divulgativo.

Este ano 2009, no que a Organización Internacional do Traballo cumpre 90 anos da súa constitución, imos contar no noso acto final coa presenza do Sr. D. Juan Felipe Hunt, Director da Oficina en España, que falará sobre: "90° aniversario da OIT, unha aposta por un traballo saudable e seguro para a xustiza social".

Inspiración do cartel.

A temática e deseño do cartel do día 28 de abril para este ano 2009 baseouse nunha das obras do artista mundialmente recoñecido René Magritte. A elección do devandito autor veu motivada polo seu tratamento dos temas da vida moderna e cotiá, a súa cor brillante e o seu intento da eliminación da individualidade.

Nun día tan especial para Fraternidad Muprespa como é o día 28 de abril (Día mundial da seguridade e a saúde no traballo), é importante que todas as partes implicadas, tanto empregados coma empresarios, e os distintos organismos, tomemos conciencia da necesidade de usar todos os medios dispoñibles para aplicalos na prevención laboral. Co obxectivo de intentar transmitir esta mensaxe tomou o lema “Prevención…a chave da seguridade”.

Traballando con esta frase e as relacións entre todas as partes implicadas no día a día laboral, créase un cartel, onde se presenta unha escena composta por empregados que parecen estar a flotar e suspendidos ao redor dun empresario, que dispón da chave da saúde e a seguridade en forma de mazá con fecho. Con esta imaxe preténdese disipar a responsabilidade unilateral da prevención atribuída a unha ou outra parte, para agrupala nun todo. A composición trata de reflectir un espazo tridimensional (dentro das posibilidades que ofrece a superficie bidimensional dun cartel) no que as siluetas dos empregados situadas a distintas profundidades están recheas dun ceo azul e límpido, que contrasta co fondo tormentoso do cartel. Mentres o fondo tormentoso representa o uso indebido ou a falta de uso dos medios de prevención, o ceo azul representa o ámbito laboral sen riscos que todos debemos tratar de conseguir.

Motivo:
DÍA MUNDIAL DA SEGURIDADE E SAÚDE NO TRABALLO
Organizador:
Organización Internacional do Traballo
Data:
28 de abril de 2009
Documentación asociada:
Portal clásico
MCSS nº 275 - © Fraternidad-Muprespa 2016