fraternidad.com
Urgencias: 900269269
Volver

MEDIDAS URXENTES DE LIBERALIZACIÓN DO COMERCIO E DE DETERMINADOS SERVIZOS

31/05/2012, Fraternidad-Muprespa, Dpto. de Relaciones con Asociados y Comunicación

O pasado 25 de maio publicouse no BOE o Real decreto-lei 19/2012, de medidas urxentes de liberalización do comercio e de determinados servizos, sendo a súa entrada en vigor o sábado 26 de maio.

Dende Fraternidad-Muprespa pareceunos interesante realizar unha síntese co máis destacable da devandita norma, que entrou en vigor o pasado sábado 26 de maio.

Inesixibilidade de licenza

  1. Para o inicio e desenvolvemento das actividades comerciais e servizos, non poderá esixirse por parte das administracións ou entidades do sector público a obtención de licenza previa de instalacións, de funcionamento ou de actividade, nin outras de clase similar ou análogas que suxeiten a previa autorización o exercicio da actividade comercial a desenvolver ou a posibilidade mesma da apertura do establecemento correspondente.
  2. Tampouco están suxeitos a licenza os cambios de titularidade das actividades comerciais e de servizos. Nestes casos será esixible comunicación previa á administración competente para os sós efectos informativos.
  3. Non será esixible licenza ou autorización previa para a realización das obras ligadas ao acondicionamento dos locais para desempeñar a actividade comercial cando non requiran da redacción dun proxecto de obra de conformidade coa Lei 38/1999, do 5 de novembro, de ordenación da edificación.
  4. A inesixibilidade de licenza non rexerá respecto das obras de edificación que fosen precisas conforme o ordenamento vixente, as cales se seguirán regulando, en canto á esixencia de licenza previa, requisitos xerais e competencia para o seu outorgamento, pola súa normativa correspondente.

Declaración responsable ou comunicación previa

  1. As licenzas previas que, de acordo co anterior, non poidan ser esixidas, serán substituídas por declaracións responsables, ou ben por comunicacións previas, de conformidade co establecido no artigo 71.bis da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común, relativas ao cumprimento das previsións legais establecidas na normativa vixente. En todo caso, o declarante deberá estar en posesión do xustificante de pagamento do tributo correspondente cando sexa preceptivo.
  2. A declaración responsable, ou a comunicación previa, deberán conter unha manifestación explícita do cumprimento daqueles requisitos que resulten esixibles de acordo coa normativa vixente, incluído estar en posesión do proxecto, no caso de que as obras que se tivesen que realizar así o requiran segundo o establecido na Lei 38/1999, do 5 de novembro de ordenación da edificación.
  3. Os proxectos aos que se refire a alínea anterior deberán estar asinados por técnicos competentes de acordo coa normativa vixente.
  4. Cando deban realizarse diversas actuacións relacionadas coa mesma actividade ou no mesmo local en que esta se desenvolve, as declaracións responsables, ou as comunicacións previas, tramitaranse conxuntamente.

Suxeición ao réxime xeral de control

  1. A presentación da declaración responsable, ou da comunicación previa, co conseguinte efecto de habilitación a partir dese momento para o exercicio material da actividade comercial, non prexulgará en modo ningún a situación e efectivo acomodo das condicións do establecemento á normativa aplicable, nin limitará o exercicio das potestades administrativas, de comprobación, inspección, sanción e, en xeral, de control que á administración en calquera orde, estatal, autonómica ou local, lle estean atribuídas polo ordenamento sectorial aplicable en cada caso.

Habilitación ás entidades colaboradoras

  1. Para o desempeño da actividade de comprobación dos requisitos e circunstancias referidos na declaración responsable ou comunicación previa, as corporacións locais competentes poderán recorrer á colaboración privada de entidades de valoración legalmente acreditadas, a través das cales poderá xestionarse a totalidade ou unha parte da actividade de comprobación. As devanditas entidades actuarán en réxime de concorrencia. En calquera caso, os interesados, para os efectos da valoración dos requisitos manifestados nas súas declaracións responsables, ou nas súas comunicacións previas, poderán libremente facer uso ou non dos servizos das devanditas entidades, sen que diso poida derivarse tratamento diferenciado algún por parte da administración competente, destinataria da comunicación.

Solicitudes de licenzas efectuadas con anterioridade

  1. Os procedementos iniciados con anterioridade á entrada en vigor, que teñan por finalidade a obtención das licenzas ou autorizacións que fosen precisas conforme a normativa anterior, tramitaranse e resolveranse pola normativa vixente no momento da presentación da solicitude.
  2. Non obstante o disposto na alínea anterior, o interesado poderá, con anterioridade á resolución, desistir da súa solicitude e, deste modo, optar pola aplicación da nova normativa no que esta, á súa vez, resultase de aplicación.



REAL DECRETO-LEI 19/2012.

"A súa Mutua - Calidade e Servizo, 365 días ao ano,"
Portal clásico
MCSS nº 275 - © Fraternidad-Muprespa 2016