Primeiro acordo internacional centrado nos riscos biolóxicos no ámbito laboral
No marco da 113a Conferencia Internacional do Traballo celebrada en Xenebra en xuño de 2025, a OIT aprobou o Primeiro Convenio Internacional centrado especificamente nos riscos biolóxicos no ambiente de traballo, un instrumento normativo que busca responder ao crecente impacto dos axentes biolóxicos na saúde e a seguridade dos traballadores en todo o mundo, baseándose nos principios fundamentais dun ambiente de traballo seguro e decente.
O acordo define como riscos biolóxicos todos os microorganismos (incluídos os modificados xeneticamente), toxinas, alérxenos e irritantes de orixe vexetal ou animal, que poden causar enfermidades ou lesións debido á exposición laboral. O seu ámbito de aplicación esténdese a todos os sectores e traballadores, agás as exclusións xustificadas polos Estados membros.
Entre os seus piares principais, o texto insta os países a integrar os riscos biolóxicos nas súas políticas nacionais de seguridade e saúde laboral, e promover a coordinación interinstitucional, especialmente cos sistemas de saúde pública. O Convenio tamén promove a avaliación sistemática de riscos, o desenvolvemento de medidas preventivas e plans de resposta ás emerxencias, e a adopción de disposicións específicas para sectores de alto risco como sanidade, agricultura, laboratorios, servizos funerarios, entre outros.
Os empresarios, pola súa banda, teñen a obriga de garantir ambientes de traballo libres de riscos biolóxicos na medida do posible, mediante a avaliación, eliminación ou control xerárquico dos riscos, a dotación de equipos de protección adecuados, a formación e a vixilancia da saúde dos traballadores. Pola súa banda, os traballadores adquiren dereitos fundamentais, como estar informados, participar na toma de decisións, negarse a continuar unha actividade perigosa e acceder a medidas de rehabilitación e protección contra represalias.
O texto compleméntase cunha recomendación que detalla criterios técnicos, sectores prioritarios e colectivos especialmente vulnerables (embarazadas, persoas inmunodeprimidas, migrantes, etc.). Ademais, promove unha cultura preventiva transversal