+compromiso alianza de mutuas

+compromiso, alianza de mutuas

+compromiso, alianza de mutuas, nace como froito dun convenio subscrito entre Asepeyo, Fraternidad-Muprespa e MC Mutual, Mutuas Colaboradoras coa Seguridade Social, que ten como obxecto a xestión das prestacións económicas e da asistencia sanitaria, incluída a rehabilitación, comprendidas na protección das continxencias de accidentes de traballo e enfermidades profesionais da Seguridade Social e demais actividades que se lles atribúen legalmente.

Logo +compromiso

Para ampliar o compromiso coas empresas mutualistas e os seus traballadores/as, así como cos traballadores/as autónomos/as, presentamos +compromiso, alianza de mutuas, que conforma unha gran rede asistencial. Achegámonos aos nosos usuarios, acurtando distancias entre os traballadores e os nosos centros asistenciais, xa que o ámbito de actuación abrangue todo o territorio nacional e non se pecha a próximas incorporacións.

Nace ao abeiro do Texto refundido da Lei xeral da Seguridade Social, aprobado por RD lexislativo 8/2015, do 30 de outubro, que dispón, no seu artigo 82.2, que “as prestacións sanitarias comprendidas na protección das continxencias profesionais serán dispensadas a través dos medios e instalacións xestionados polas mutuas ou, preferentemente, mediante convenios con outras mutuas” e polo RD 1630/2011, do 14 de novembro, que establece no seu artigo 6 que “co fin de obter a maior eficacia e racionalización dos recursos que xestionan, as mutuas poderán establecer entre elas os acordos de colaboración que sexan necesarios […]”

Estamos comprometidos coa mellora dos nosos servizos, especialmente os sanitarios, xa que a nosa principal función é velar pola saúde dos traballadores. Dende +compromiso alianza de mutuas estamos convencidos de que avanzaremos xuntos na mellor dirección, proporcionando atención sanitaria de calidade, prevención de riscos laborais, seguridade para o paciente e innovación tecnolóxica.

Adquirimos a responsabilidade de superarnos na xestión, poñendo en común o coñecemento, as instalacións e todos os servizos dos que dispoñemos. Comprometémonos a ser un referente sanitario e a actuar sempre buscando a maior eficacia e eficiencia.

Datos exercicio 2018

Este novo convenio representa +compromiso:

  • Cos nosos mutualistas.
  • Cos traballadores/as protexidos.
  • Coa xestión de recursos públicos.
  • Coa calidade e a satisfacción dos servizos prestados.
  • Coas actividades preventivas entre as empresas mutualistas.

+compromiso ten como ámbito de actuación todo o territorio nacional. O convenio, subscrito polas tres mutuas, poderá estenderse aos seguintes ámbitos de actuación:

  • Prestar reciprocamente a asistencia sanitaria, hospitalaria, ambulatoria, recuperadora e de probas complementarias a traballadores protexidos en continxencias profesionais das mutuas.
  • Realizar probas diagnósticas e tratamentos terapéuticos e rehabilitadores en procesos de incapacidade temporal derivados de continxencias comúns.
  • Utilizar conxuntamente instalacións, centros asistenciais e administrativos propios de cada mutua.
  • Realizar actividades de investigación, desenvolvemento e innovación dirixidas a reducir as continxencias profesionais da Seguridade Social.
  • Licitar conxuntamente contratos de subministracións, servizos e asistencia sanitaria.
  • Desenvolver en conxunto aplicacións informáticas.
  • Deseñar e compartir a formación do persoal destas mutuas.
  • Colaborar nas actividades preventivas deseñadas para as empresas mutualistas.
  • Ofrecer novas oportunidades de actuación que non poidan abordarse individualmente.

Temos como obxectivo establecer un marco estable de colaboración e cooperación entre as mutuas, para impulsar unha xestión excelente dos recursos públicos, conforme os seguintes principios inspiradores:

  • Con respecto á personalidade xurídica de cada mutua, á súa autonomía, identidade propia e independencia económica.
  • Coa promoción de actividades comúns cumprindo os fins de colaboración da Seguridade Social asignados legalmente.
  • Con vocación de calidade nos servizos que se prestan ás empresas mutualistas e á poboación laboral protexida, dende a autonomía de xestión de cada mutua.
  • Con transparencia e principio de bo goberno na xestión de todas as actividades.

Comprometémonos a ser un referente sanitario e a actuar sempre buscando a maior eficacia e eficiencia.

Sobre Fraternidad-Muprespa

Logo FM

Fraternidad-MuprespaMutua Colaboradora coa Seguridade Social n.º 275, ten por misión a excelencia e calidade nos seus servizos, nos seus dous hospitais en Madrid e os seus 122 centros asistenciais e administrativos en toda España. Obtivo a certificación do Sistema de Xestión da Calidade para un centenar dos seus centros e o certificado oficial da Marca de Garantía Madrid Excelente.

O Hospital Fraternidad-Muprespa Habana, conta coa certificación LEED Healthcare na súa categoría Platino, polo que é o único de Europa.

No seu compromiso ético cos dereitos humanos e laborais, o empoderamento da Muller, o medio ambiente e a loita contra a corrupción, está adherida ao Pacto Mundial das Nacións Unidas dende 2011, ao Chárter da Diversidade e recibiu o Distintivo de Igualdade na Empresa que outorga o Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, e o premio á Accesibilidade DIGA 2017. Fraternidad-Muprespa celebrou en 2019 o seu 90 aniversario baixo o lema: “Compromiso, achegamento e fraternidade”.

Está inmersa nun proceso de evolución dixital baseado no terceiro plan estratéxico e centrada en dotar as súas instalacións e servizos da mellor tecnoloxía para poñela á disposición dos mutualistas.

Sobre Asepeyo

Logo Asepeyo

Asepeyo é a Mutua Colaboradora coa Seguridade Social número 151. A súa misión é coidar a saúde dos traballadores, prestando un servizo excelente, innovador e comprometido coas persoas, que impulse á mutua como aliado estratéxico en saúde e cultura preventiva.

Conta cunha ampla organización propia presente en todas as comunidades autónomas. Dispón de 142 centros asistenciais, catro hospitais (dous propios e dous mancomunados) e un hospital de día. Fundada en 1915 como Mutualidade de Previsión Social, en 2015, coa nova Lei de Mutuas, pasa a denominarse Asepeyo, Mutua colaboradora coa Seguridade Social.

Asepeyo logrou o maior recoñecemento á calidade e á eficacia na xestión empresarial: o selo de excelencia europea EFQM 500+.

Asepeyo iniciou o seu proxecto de transformación dixital no 2017, Asepeyo Live, coincidindo coa implantación do Plan Estratéxico 2017-2020, que ten como finalidade mellorar a experiencia de usuario, ofrecendo un servizo innovador as 24 horas, todos os días do ano.

Sobre MC Mutual

Logo MC Mutual

MC MUTUAL, Mutua colaboradora coa Seguridade Social n.º 1. A súa actual denominación é froito da fusión de Mutual Cyclops e Midat Mutua.

O equipo humano, para MC Mutual, é unha prioridade. Busca potenciar o seu desenvolvemento profesional e o seu compromiso coa organización. Mostra diso é a acreditación de Empresa saudable, por AENOR, e o distintivo Igualdade na Empresa que outorga o Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade.

A súa misión é coidar a saúde das persoas de forma responsable. E os seus valores, reflectidos no plan estratéxico da entidade (2019-2021) son: anticiparse ás necesidades das empresas, traballadores e traballadoras protexidos e as súas familias; ser unha mutua comprometida e próxima na relación coas persoas; e perseverar en innovación.

Está a implantar un plan estratéxico de transformación dixital no que participa todo o equipo de MC Mutual, co obxectivo de que as súas empresas mutualistas e a poboación protexida poidan relacionarse coa mutua de forma doada e áxil. Segue tamén un plan de calidade sanitaria cuxo foco é a seguridade do paciente, a excelencia no coñecemento profesional e a innovación, sempre co obxectivo de ofrecer un mellor servizo. Todo iso cunha xestión responsable, avalada polo selo europeo de excelencia na xestión (EFQM 500+).