Conxunto de medios humanos e materiais necesarios para a realización de actividades preventivas co fin de garantir unha adecuada protección da seguridade e saúde dos traballadores, asesorando e asistindo ao empresario, aos traballadores e aos seus representantes e aos órganos especializados de representación.
Para o desenvolvemento das súas funcións, o empresario deberá facilitar ao devandito servizo o acceso á información e documentación relativa aos riscos para a seguridade e saúde dos traballadores no traballo, tanto os que afecten ao conxunto da empresa como a cada tipo de traballo ou función, as medidas e actividades de protección e prevención aplicables a estes riscos e as medidas adoptadas.
O empresario deberá elaborar e manter á disposición da autoridade laboral a seguinte documentación:
• Plan de prevención de riscos laborais.
• Avaliación dos riscos para a seguridade e a saúde no traballo, incluído o resultado dos controis periódicos das condicións de traballo e das actividades dos traballadores.
• Planificación da actividade preventiva, incluíndo as medidas de protección e prevención que se van adoptar e, se é o caso, o material de protección que se vai utilizar.
• Práctica de controis sobre o estado de saúde dos traballadores.
• Relación de accidentes de traballo e enfermidades profesionais que provocaron a imposibilidade do traballador durante máis dun día de traballo.
