
A MUTUA FRATERNIDADE-MUPRESPA CELEBROU EN LUGO UNHA XORNADA INFORMATIVA SOBRE O MANEXO DO TRASTORNO ANSIOSO-DEPRESIVO VINCULADO A UN CONFLITO LABORAL
O pasado xoves 26 de abril Fraternidade-Muprespa celebrou unha xornada titulada "O manexo do trastorno ansioso-depresivo vinculado a un conflito laboral" coa colaboración do Colexio Médico de Lugo.
A apertura e moderación da xornada foi levada a cabo polo Dr. Luis Coira Nieto, director médico de Fraternidade-Muprespa.
D. Ramón Roca Maseda, xefe da Inspección Médica do INSS, fixo unha cronoloxía da aparición e desenvolvemento do concepto do mobbing. A continuación expuxo o seu relatorio Dª. Margarita Alonso García da Inspección do Sergas, que achegou a perspectiva do problema dende o Servizo Público de Saúde.
A continuación, os psiquiatras Dr. Francisco José Vidal Pardo e Dr. Luis Docasar Bertolo, formularon a problemática dende o punto de vista do psiquiatra asistencial e do pericial, coincidindo en que a Incapacidade Temporal non é reparadora máis alá de seis semanas.
O último relatorio desenvolveuno o médico de atención primaria o Dr. Bernardino Pardo Teijeiro que achegou a súa visión como médico de cabeceira, pedindo a figura do mediador entre o sistema público de saúde e o mundo empresarial, para dar saída a moitos destes conflitos.
Unha vez rematados os relatorios, iniciuse un longo debate no que participaron empresarios, médicos especialistas en medicina de traballo, asesores e persoal das diferentes mutuas de accidentes de traballo que asistiron á xornada, deu por clausurada a xornada D. José Luis Sánchez Jato, director provincial de Fraternidade-Muprespa facendo unha valoración do acto e agradecendo a presenza e participación neste.
"A súa Mutua - Calidade e Servizo, 365 días ao ano,"