ACTO DE CONMEMORACIÓN DO DÍA MUNDIAL DA SEGURIDADE E A SAÚDE NO TRABALLO. Presentación do número 21 da revista "La Mutua" A PRL e a actual organización empresarial complexa das actividades económicas. Nos últimos anos producíronse cambios moi significativos na forma de organización empresarial das actividades produtivas. Probablemente, os dous cambios máis relevantes e evidentes son os relativos á localización da empresa e a desintegración vertical e externalización de procesos a outras empresas respecto á anterior produción integrada verticalmente nunha única empresa, e mesmo nunha única planta. Como sempre, hai que advertir que ambos os dous fenómenos non son totalmente novos, nin abranguen todo o tecido empresarial. Como sempre, nas economías nacionais e mundiais conviven formas de produción e organización moi diversas. O significativo é a tendencia crecente desas "novas" formas de organización empresarial, a súa difusión, a importancia dos sectores e empresas implicadas e as repercusións económicas, xurídicas e sociais. Existen factores esóxenos, e non só factores internos á empresa, que impulsan esta tendencia: a flexibilidade e o baixo custo relativo dalgunhas tecnoloxías, o desenvolvemento e abaratamento para algúns usuarios das infraestruturas e os custos de transporte e comunicacións, a terciarización de actividades dos sectores primario e industrial, a ordenación territorial das actividades, as políticas territoriais e o interese e as vantaxes competitivas en custos. Aínda que localización/deslocalización e desintegración forman parte conxuntamente, nalgúns casos, dunha estratexia, neste número da Revista La Mutua ímonos centrar na segunda. Os termos que se aplicaron a este fenómeno son diversos: organización da empresa no modelo postindustrial, a fábrica difusa, empresa rede, etc. Por medio da externalización de actividades, reenxeñería de procesos, produción aniñada, etc. E, como sucede frecuentemente, prolifera a utilización no noso país de termos anglosaxóns. Dende o Dereito ponse en discusión o obxecto nuclear da sociedade mercantil, a propia actividade. As consecuencias no Dereito do Traballo, da Seguridade Social e de Prevención de Riscos Laborais tamén son evidentes. A modificación e extensión do artigo 24 da Lei 31/1995 e a recente Lei 32/2006 reguladora da subcontratación no sector da construción mostran as dificultades do dereito á saúde laboral para regular as novas condicións. Pensamos que pode ser moi frutífero contrastar a análise coa práctica empresarial, á hora de abordar estes temas, e para iso temos a oportunidade de contar coas achegas de profesionais de probada experiencia, de empresas moi coñecidas, encargados deste complexo labor.
|