Compensación de gastos de transporte

Compensación de gastos de transporte

Normativa aplicable

Orde TIN 971/2009, do 16 de abril, establece a compensación de gastos de transporte nos casos de asistencia sanitaria derivada de riscos profesionais.

Resolución do 21 de outubro de 2009, da Secretaría de Estado da Seguridade Social, pola que se ditan instrucións para a compensación de gastos de transporte nos casos de asistencia sanitaria derivada de riscos profesionais e de comparecencias para a realización de exames ou valoracións médicas.

Gastos con dereito a compensación

  • Por continxencias profesionais: os gastos de transporte derivados dos desprazamentos para recibir calquera tipo de asistencia sanitaria, sempre que se realicen nos medios de transporte que a Mutua autorice previamente.
  • Por continxencias comúns: unicamente os gastos de transporte derivados dos desprazamentos con ocasión das comparecencias a consultas de control e seguimento esixidas pola Mutua, sempre que se realicen nos medios de transporte previamente autorizados por esta.

Tamén se terá dereito á compensación dos gastos de transporte derivados das comparecencias, esixidas polo Instituto Nacional de Seguridade Social (INSS).

Medios de transporte autorizados con dereito a compensación

  • Agás indicación en contrario, expresa e por escrito, sempre se entenderá como medio de transporte autorizado o transporte público colectivo (excluído o taxi).
  • A autorización do uso de taxi sempre deberá ser previa ao desprazamento e constar expresamente e por escrito.
  • Os desprazamentos entre provincias que requiran o uso de tren, avión ou barco tamén requirirán de autorización expresa por escrito e comportará a autorización para desprazarse en clase turista e na tarifa máis económica.
  • Uso do vehículo particular:
    • En desprazamentos fóra do lugar de residencia, o traballador poderá optar por usar o seu vehículo particular (sen necesitar autorización por parte da Mutua).
    • En desprazamentos dentro do lugar de residencia, unicamente se resarcirá o custo do vehículo particular cando non existan medios de transporte público colectivo dispoñibles. Nestes casos debe constar necesariamente unha autorización previa, expresa e por escrito da Mutua.

Importe da compensación

  • No suposto de que se utilicen medios de transporte público a compensación cubrirá o importe total do billete na tarifa máis económica e unicamente se aboará, logo de presentación do xustificante de gasto (billete ou factura).
  • No caso de que se utilice vehículo particular, o importe da compensación do gasto calcularase exclusivamente sobre a base da quilometraxe e a razón de 0,19 €/km.

Caducidade

O dereito a ser compensados os gastos de transporte, nos casos de asistencia sanitaria derivada de riscos profesionais e de comparecencias para a realización de exames ou valoracións médicas, caduca ao ano natural de terse producido o gasto (art. 54 TRLGSS).

Solicitude e documentación a achegar

  • A solicitude de compensación de gastos de desprazamento deberá realizarse no modelo oficial da Mutua (dispoñible en calquera dos nosos centros ou no noso portal web).
  • Se a solicitude fose presentada por unha persoa distinta ao beneficiario, deberá achegar autorización escrita deste e fotocopia do DNI/NIE de ambos os dous.
  • Cada un dos gastos cuxo importe se pretenda compensar, deberá vir acompañado do xustificante que permita comprobar a data e importe do gasto (billete ou factura), agás o gasto derivado do uso do vehículo particular (que non requirirá de xustificante ningún).

Polo tanto, non se compensará o gasto derivado do uso de tarxetas de título persoal de transporte (bonos mensuais) ou de calquera outro medio que non permita comprobar a data en que se produce o gasto e o importe que hai que compensar.

  • Os gastos de desprazamento realizados en medios de transporte que requiran de autorización, expresa e escrita, e que sexan doutros Organismos externos á Mutua deberán vir acompañados desta.
  • Os gastos de desprazamento a centros alleos aos da Mutua deberán acompañarse dun xustificante de asistencia do centro no que consten os días de asistencia a consulta ou tratamento.
  • Os gastos de desprazamento ás comparecencias esixidas polo INSS deberán acompañarse dun xustificante da cita realizada pola devandita entidade.

NON SE ABOARÁN os gastos de desprazamento cuxa compensación sexa solicitada sen achegar a documentación requirida en cada caso.

Acompañantes

Só se aboarán gastos de transporte a un acompañante, en medio ordinario de transporte, cando fose imprescindible a axuda deste para o desprazamento do paciente e exista unha autorización previa escrita e expresa do facultativo da Mutua.