Mutua colaboradora coa Seguridade Social

Asociación privada de empresarios constituída mediante autorización do Ministerio de Emprego e Seguridade Social, que ten por finalidade colaborar na xestión da Seguridade Social, baixo a dirección e tutela deste, sen ánimo de lucro e asumindo os seus asociados responsabilidade mancomunada.

Ten por obxecto o desenvolvemento das seguintes actividades:
 a) A xestión das prestacións económicas e da asistencia sanitaria, incluída a rehabilitación, comprendidas na protección das continxencias de accidentes de traballo e enfermidades profesionais da Seguridade Social, así como das actividades de prevención das mesmas continxencias que dispensa a acción protectora.
 b) A xestión da prestación económica de incapacidade temporal derivada das continxencias comúns.
 c) A xestión das prestacións por risco durante o embarazo e risco durante a lactación natural.
 d) A xestión das prestacións económicas por cesamento na actividade dos traballadores por conta propia.
 e) A xestión das prestacións por coidado de menores afectados por cancro ou outra enfermidade grave.
 f) As demais actividades da Seguridade Social que lle sexan atribuídas legalmente.

Forma parte do sector público estatal de carácter administrativo, de conformidade coa natureza pública das súas funcións e dos recursos económicos que xestiona, sen prexuízo da natureza privada da entidade.

Ver art. 80 do texto refundido da Lei xeral da Seguridade Social.