Novo podcast de Fraternidad-Muprespa para resolver dúbidas sobre as prestacións dos autónomos

Normativa
Autor
Fraternidad-Muprespa

Fraternidad-Muprespa realizou o pasado mes de abril a través dun podcast unha guía destinada a resolver posibles dúbidas que puidesen ter tanto os traballadores autónomos coma as asesorías. Agora, cumprindo co noso compromiso de ofrecer información de última hora, realizouse un novo podcast para responder diversas consultas sobre as novas prestacións, baseada na guía das novas axudas para traballadores e traballadoras autónomos que recentemente elaborou o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións. 

Nela explícanse aspectos tan importantes como a exoneración de cotas, os requisitos e prazos para solicitar certas prestacións ou de cales delas poden beneficiarse os autónomos de tempada. 

Por exemplo, a guía aclara que, a partir do 1 de xullo, se un traballador percibiu a prestación PECATA ata final de xuño, pode optar a unha destas dúas axudas: a exoneración de cotizacións durante os tres seguintes meses ou a prestación especial de cesamento de actividade compatible coa actividade. A primeira axuda recoñécese automaticamente, sempre e cando non se solicite a segunda; en cambio, a segunda axuda, debe solicitarse ante a mutua e esta ten que recoñecela para poder acceder a ela.

A devandita exoneración de cotas, que efectuará de oficio a Tesouraría Xeral da Seguridade Social, será do 100% en xullo, do 50% en agosto e do 25% en setembro para os que deixen de percibir a prestación extraordinaria, manteñan a alta no réxime correspondente e non soliciten a prestación ordinaria. 

Tamén detalla a guía en que consiste esta prestación ordinaria compatible coa actividade, unha prestación que alcanza o 70% da base reguladora, (uns 660 euros para quen cotice pola base mínima). A isto hai que sumar o aboamento da parte da cota correspondente a continxencias comúns, polo que o beneficio económico pode alcanzar os 930 euros mensuais. Esta prestación pódese percibir como máximo ata o próximo 30 de setembro. A partir desa data só se poderá continuar percibindo se cumpren todos os requisitos que establece a Lei xeral da Seguridade Social

Outro dos aspectos que describe o documento é o que sucede se un autónomo decide pechar o seu negocio. Neste caso, mantense o dereito a prestación ata o día en que produza efectos a baixa no réxime. A partir dese momento pódese acceder á prestación por cesamento de actividade ordinaria, sempre que se acrediten os requisitos establecidos no artigo 330 do Texto refundido da Lei xeral da Seguridade Social

Pola súa banda, os autónomos de tempada tamén teñen dereito a unha prestación, concretamente a unha extraordinaria á que poden acceder se estiveron dados de alta e cotizando como tal durante polo menos cinco meses entre marzo e outubro nos dous exercicios anteriores (2018 e 2019). Tamén, entre outros requisitos, é imprescindible non ter traballado por conta allea durante máis de 120 días entre o 1 de marzo de 2018 e o 1 de marzo de 2020. 

¿Te ha resultado útil?
Vote down!

Puntos: -1

You voted ‘down’