Fraternidad-Muprespa contribúe a sentar as bases da futura prevención

Novedades
Autor
Fraternidad-Muprespa

Fraternidad-Muprespa, Mutua Colaboradora coa Seguridade Social, organizou o 24 de marzo unha interesante xornada sobre Traballo e Prevención 4.0 no Auditorio CaixaForum de Madrid, con máis de douscentos asistentes relacionados co mundo da prevención de riscos laborais

A apertura e presentación da xornada foi realizada por Carlos Aranda Martín, xerente de Fraternidad-Muprespa, quen baseou a súa intervención nas novas competencias que en materia de prevención presenta a Lei de mutuas; comentou que esta dá pé a “organizar unha xornada de sensibilización como a de hoxe e nos permite, ademais, facer actividades de asesoramento e investigación para que a sinistralidade sexa a mínima posible e así poder axudar ás nosas empresas asociadas a conseguir este obxectivo”.

A continuación, Carlos Espinosa de los Monteros y Bernaldo de Quirós, presidente da Mutua, comentou que é “unha xornada atractiva e fascinante nestes momentos de profunda incerteza, xa que a tecnoloxía nos sorprende cada día e o que se pretende con este encontro é que saian importantes achegas para o futuro da prevención”.

Na mesa acompañárono representantes dos axentes sociais, como Ana García de la Torre, secretaria de Saúde Laboral e Medio de UXT, quen manifestou que “dende UXT mantemos que esta transformación dixital ten que ser xusta cos traballadores xa asentados”. Por parte da CEOE, Jordi García Viña, director do departamento de Relacións Laborais, comentou que “non temos que renunciar ao que fixemos ben durante estes anos respecto a saúde laboral e temos que ver o futuro con espírito aberto”; para pechar a quenda de intervencións, Pedro Linares Rodríguez, secretario de Saúde Laboral e Medio Ambiente de CC.OO., apostilou que “o gran reto é ser quen de definir as relacións laborais na globalización”.

Juan Guasch Farrás, director do Centro Nacional de Condicións de Traballo do INSHT, realizou un relatorio resaltando que “non se deben esquecer as boas prácticas: se as seguimos facendo ben, serviranos para a prevención 4.0, consensuemos as boas prácticas de hoxe para utilizalas no mañá”.

Concepción Martín de Bustamante, presidenta de AESPLA, moderou o primeiro diálogo en PRL “A transformación nas persoas”. Acompañouna Mar González Hernández, subdirectora de Seguridade e Medio Ambiente Patrimonial de Repsol, coa súa achega do proxecto de teletraballo que abordamos con ilusión, optimismo e pensando nas persoas, que son o noso activo máis prezado. O proxecto de teletraballo está dentro da estratexia corporativa, apoiado pola dirección, os sindicatos e cuantificado obxectivamente”. Bernardo Moreno-Jiménez, catedrático do departamento de Psicoloxía Biolóxica e da Saúde, falou dos “riscos psicosociais emerxentes que son múltiples e cambiantes, pero o que se busca sempre é a calidade do traballo”; ademais, abordou tamén o tema tan actual do tecnoestrés. Javier Perdices Ramírez, director de eHealth do grupo CMC, e Fernando Camino Maculet, CEO das ORP do grupo Quirónsalud, coincidiron en parte ao falar do concepto de empoderamento para promover a saúde dos traballadores, grazas ás novas tecnoloxías.

O segundo diálogo da xornada dirixiuno Natalia Fernández Laviada, subdirectora xeral de Prevención, Calidade e Comunicación de Fraternidad-Muprespa, para falar da “Transformación das cousas”. Participaron Encarnación Sousa Rodríguez, xefa da Unidade Técnica do INSHT, para falar das nanotecnoloxías e os nanomateriais. Ignacio Aizpún Rodríguez, director xeral de ATAM, expuxo a interconexión das cousas e manifestou que “estivemos a analizar os pacientes punto a punto e na actualidade está a emerxer unha ciencia nova capaz de interpretar todos os datos dunha forma global”.

Pedro Serrera Cobos, subdirector xeral de Sistemas da Información e Servizos de Fraternidad-Muprespa, falou do hospital do paseo da Habana que está en construción e que “vai ser un hospital de tamaño manexable, cunha maior calidade asistencial, maior seguridade, sustentable e coas últimas tecnoloxías para o manexo da información do paciente, así como do seu entretemento; pretendemos un hospital aberto e que poida ser o máis parecido a un hotel”. Para falarnos de Robots 4.0, estivo Luis Pérez Castaño, xefe de unidade de Industria Dixital de Prodintec, quen dixo que “estamos máis preto de que a fábrica do futuro sexa a fábrica do presente”, grazas a todos os avances en robótica que xa existen en moitas empresas.

A clausura realizouna Dolores Limón Tamés, directora do INSHT, achegando as seguintes conclusións: “hai xa máis de 20 anos da Lei de prevención e agora debemos acudir a métodos serios e adecuados para seguir facendo unha boa prevención; non é tanta a diferenza, senón que hai que adaptarse aos novos tempos. O que si cambiou, e moito, é o concepto de tempo de traballo, pola excesiva e ampla conectividade, que pode dar lugar a riscos psicosociais. Este é un problema social e debemos actuar para evitar estes riscos. Finalmente, o que debemos, e se debe conseguir, é ir ao concepto de benestar global do traballador”.

Natalia Fernández Laviada deu por concluída a xornada dando as grazas a relatores e asistentes, e pechou dicindo que “humanismo e tecnoloxía non son conceptos contrapostos”.

Con esta xornada abriuse un dialogo entre as partes implicadas para sentar as bases do que será a futura prevención.

¿Te ha resultado útil?