Pagamento directo

Prestación económica que un traballador en situación de IT (baixa médica) percibe directamente da entidade xestora (INSS) ou colaboradora coa Seguridade Social (Mutua) que corresponda.

Trátase dunha excepción ao pagamento delegado que realizan habitualmente as empresas.

O pagamento directo por unha entidade xestora ou colaboradora poderá efectuarse nos seguintes supostos:

  • Cando se trate de entidades e organismos excluídos do pagamento delegado.
  • Por incumprimento da obriga patronal do pagamento delegado.
  • Empresas con menos de dez traballadores e máis de seis meses consecutivos de aboamento do subsidio e que o soliciten regulamentariamente.
  • Extinción da relación laboral estando o traballador en situación de IT.
  • Continuación da situación de IT tras o cesamento voluntario na empresa.
  • Continuación da situación de IT, unha vez extinguido o período de percepción de desemprego.
  • Alta médica por informe proposta de perceptores da prestación por desemprego.
  • Cando se trate de representantes de comercio, profesionais taurinos e artistas. No caso destes últimos, cando a duración do contrato non exceda de 30 días.
  • Nos supostos de esgotamento da IT polo transcurso do prazo máximo, durante a prórroga de efectos da prestación ata a cualificación da IP (incapacidade permanente).
  • Por pasar á prórroga de IT despois de 12 meses, tras a resolución da entidade xestora, agás que o traballador ao iniciar a IT estivese a percibir a prestación contributiva por desemprego, en cuxo caso, a prestación a aboa o SEPE en réxime de pagamento delegado ata o esgotamento do desemprego.
  • Por iniciar expediente de IP, tras a resolución da entidade xestora.
  • No suposto de que o Instituto Nacional da Seguridade Social emita unha resolución pola que se acorde a alta médica, conforme o indicado no art. 170.1 da Lei xeral de seguridade social (LXSS), cesará a colaboración obrigatoria das empresas no pagamento da prestación o día en que se dite a devandita resolución, polo que a entidade xestora ou mutua colaboradora coa Seguridade Social aboará directamente o subsidio correspondente durante o período que transcorra entre a data da citada resolución e a súa notificación ao interesado. As empresas  que colaboren na xestión da prestación económica por incapacidade temporal conforme o previsto no artigo 102.1 a) da LXSS, estarán igualmente obrigadas ao pagamento directo do subsidio correspondente ao referido período.